Monday 29 de April de 2024

Verdes de Galicia entrega ao Concello de Lousame un muro cunha colmea do 1945 e unha cepa de viña que formou parte do Stand de Galicia premiado en FITUR 2018


O muro está emprazado no exterior da Casa da Cultura

A empresa Verdes de Galicia vén de agasallar ao Concello de Lousame cun muro con pedra e musgos naturais onde nunha parte nace unha cepa de viña e na outra unha colmea de sobreira natural e datada en 1945 que formaron parte da decoración do stand de Galicia premiado en FITUR 2018 como o mellor stand do certame. Tania Boychuk, representante de Verdes de Galicia, fixo entrega do muro á alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde. Unha construción que quedou instalada no exterior da Casa da Cultura Santeiros de Chave.

Ademais de agradecer o agasallo, Vilaverde Pais felicitou a Verdes de Galicia xa que “é unha satisfacción que unha empresa de Lousame colaborara na consecución dun premio tan importante como o de mellor stand de FITUR 2018 para o stan de Galicia” e lamentou que por cuestións persoais non puidera ter asistido á entrega do galardón.

Pola súa banda, Boychuk explicou que “para nós foi un reto realizar os traballos en vexetal para o stand de Galicia en FITUR 2018, un proxecto no que contamos coa colaboración do Concello de Lousame”. Tania Boychuk indicou que os traballos realizados en FITUR inclúen “un xardín vertical e natural de musgos verdes, hedras e helechos de 8 metros de ancho por 3,5 de altura; así como un xardín vertical e natural de musgos verdes e brancos, con algún helecho e camelia, cunha planta principal dun carballo cargado de cocas e folla de outono”.

A maiores, Verdes de Galicia tamén achegou cortiza, troncos e follas naturais de carballo ao stand do Camiño de Santiago, así como a decoración das zonas do Pazo de Oca, cun seto de camelia, e dos xardíns galegos, “cun toxo en flor que gustou moito”, explica Boychuk.